13 de abr. de 2011

ENTREVISTAMOS A....

                          Don  Rafael de Castro

Redacción 6º B
    
          O equipo de redacción de 6º B falou co mestre titor de 2º A, don Rafael de Castro, que nos atendeu amablemente na biblioteca. Hoxe reproducimos a primeira parte da entrevista.

6º B .- Onde naceu?
RC  .- Eu nacín en Carballedo, Cotobade.
6º B.- Gustáballe estudar de pequeno?

Rafael de Castro García, mestre.

RC.-  Gustábame máis xogar ao fútbol, pero tamén hai que estudiar.
6º B.- De pequeno na súa casa falábase o galego?
RC .- Sí, falábase sempre galego. Onde non se falaba era na escola pero na casa si que se falaba sempre   galego.

6º B.- Que opina dos cambios dos libros do galego ao castelán?
RC  .- Non sei a que cambios te refires exactamente pero a min paréceme que se debería estudiar moito máis galego na escola.  

6º B.-  A que escritor lle gustaría que homenaxeasen no Día das Letras Galegas?
 RC.- A Xosé Filgueira Valverde, por exemplo, que foi un profesor meu, penso que se lle podía adicar un Día das Letras Galegas; pero habería moitos máis... Manuel María é outro dos escritores que me guatan moito.

6º B.- Cre que cada vez hai menos xente que fale galego?
RC.- Si, eu penso que si. Ao mellor coñécese máis porque agora estúdiase nas escolas, pero dende logo na rúa fálase cada vez menos.

6º B.- Cal é o seu libro favorito?
RC.-  Bueno, eu libros favoritos non teño. Se me preguntas de galego o escritor que máis me gusta é Álvaro Cunqueiro.

6º B.- Gustaríalle que houbese máis asignaturas en galego?
RC.-  Si, naturalmente, porque os alumnos aos que eu lle dou clase coñecen moito máis o castelán que o galego. Habendo máis asignaturas poderían equipararse e estar ao mesmo nivel nunha materia que na outra.

6º B.- Cal é a súa asignatura preferida?
RC.-  A min gústame moito todo o que estea relacionado coa Historia, coa Xeografía, coas Ciencias Sociais  pero, por suposto, tamén a Lingua Galega; do que máis me gustaba dar clase era de Lingua Galega.

6º B.- Se non fose profesor, que lle gustaría ser?
RC.-  Non sei... ao mellor, investigador, pero non sei de que concretamente.

6º B.-  Soñou algunha vez con ser poeta galego?
RC.-   Ser poeta? Non creo que teña moitas condicións pero si que me gustaría selo.

6º B.- Que opina vostede de que a maioría dos xoves galegos prefiran estudar o castelán e non o galego?
RC.-  Pois non me parece demasiado ben. Eu preferiría que primeiro falaran a lingua que temos na nosa terra e que despois coñeceran as demais linguas, cantas máis mellor, pero en principio que se expresaran primeiro en galego.

6º B.- Que é o que máis lle gusta do seu traballo?
RC.-  Os avances que van tendo os alumnos. Ás veces parece que non avanzan nada e de repente parece que avanzan moito; aí é onde ten un a satisfacción do ensino.

6º B.- Prefire que a xente lle fale en galego?
RC.-  Si, naturalmente , se me falan en galego vexo que a lingua que me gusta e que deberiamos falar aquí vai para arriba. Se a xente me fala en castelán non me gusta tanto pero naturalmente teño que aceptalo.

       Moitísimas grazas a don Rafael polas súas verbas e ata logo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

"POR QUE É BO QUE OS NENOS APRENDAN GALEGO" EOI Pontevedra